Servizos Sociais Comunitarios

Contidos :

Os servizos sociais comunitarios, de carácter predominantemente local, están referidos a un territorio e a unha poboación determinados e constitúen o punto de acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais.(art. 9 da Lei 13/2008, do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia

Garanten:

  1. O dereito de acceso universal ao sistema galego de servizos sociais nos termos recoñecidos no artigo 5 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.
  2. A proximidade ás persoas usuarias e ás súas familias.
  3. O carácter integrador e coordinado de toda intervención social realizada con persoas ou grupos diversos.
  4. A intervención social personalizada nun contorno normalizado e, cando sexa o caso, a prescrición técnica para a derivación ao servizo social especializado máis idóneo ou a outros sistemas de protección social.
  5. A prevención comunitaria dos problemas sociais.
  6. A promoción e organización da solidariedade social na comunidade en que actúan.

(art. 2 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.  (DOG nº 63 do 30/03/2012)

Os servizos sociais comunitarios poden ter a consideración de básicos ou específicos e son, con carácter xeral, servizos públicos de competencia municipal.

Natureza dos servizos sociais comunitarios básicos

De acordo co art. 10 da Lei 13/2008, do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia (DOG nº 245 do 18/12/2008), os Servizos sociais comunitarios básicos

  1. Teñen un carácter local, aberto e polivalente e constitúen a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, co que se garante a universalidade do sistema e a súa proximidade ás persoas usuarias e aos ámbitos familiar e social.
  2. Desenvolveranse desde os centros de servizos sociais polivalentes por medio de equipos interdisciplinares e coa estrutura organizativa que estableza a administración titular do servizo, sen prexuízo dos requisitos e das dotacións mínimas se determinan no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.  (DOG nº 63 do 30/03/2012)

Funcións dos servizos sociais  comunitarios básicos

Programas e servizos sociais comunitarios básicos en Xunqueira de Ambía

Os servizos sociais comunitarios básicos desenvolverán as súas funcións, de maneira estruturada, por medio dos programas e servizos seguintes:

  • Programa de valoración, orientación e información en materia social ás persoas, grupos ou á comunidade en xeral, que se desenvolverá en todas as entidades locais titulares de servizos sociais comunitarios de Galicia.
  • Servizo de axuda no fogar (SAF), que ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no seu medio habitual, especialmente naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situacións de risco social para as cales resulte un recurso idóneo.
  • Programa básico de inserción social que procure valorar, dar resposta ou derivar ao recurso idóneo as persoas en situacións ou risco de exclusión social, aplicando tanto proxectos de intervención social personalizados ou de grupo como prestacións económicas específicas. Inclúense nesta categoría os proxectos expresamente dirixidos ao desenvolvemento, promoción e integración da comunidade xitana e outras minorías étnicas.
  • Programa de fomento da cooperación e solidariedade social, que facilite a participación comunitaria en tarefas colectivas, impulse o asociacionismo solidario e, en especial, a organización e coordinación do voluntariado social.

Na formulación e desenvolvemento dos programas básicos de actuación, os servizos sociais comunitarios incorporarán a perspectiva de anticipación e prevención, tanto individual como familiar ou comunitaria, das situacións causantes da exclusión social, a dependencia e a desprotección.

O centro poderá integrarse dentro das dependencias municipais da casa do concello, sempre que se asegure o cumprimento dos requisitos mínimos establecidos.

DEREITOS E DEBERES

Art. 6 e 7 da Lei 13/2008, do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia)

Dereitos

  1. A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade, intimidade e autonomía.
  2. A accederen e utilizaren os servizos en condicións de igualdade e non discriminación.
  3. A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso.
  4. A recibiren unha información de xeito áxil, suficiente, veraz e comprensible sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como a que sexan asistidas e orientadas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso aos demais sistemas de benestar social.
  5. A teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención.
  6. A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.
  7. Ao tratamento confidencial dos seus datos de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
  8. A coñeceren a situación do seu expediente.
  9. A seren informadas, de maneira clara e precisa, sobre a intervención prevista e elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso, así como a participar na toma de decisións que modifiquen o proceso de intervención acordado.
  10. Á calidade dos servizos recibidos e a presentaren queixas e suxestións á persoa coordinadora dos servizos sociais comunitarios.
  11. Ao respecto dos seus dereitos lingüísticos, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento da actividade dos servizos sociais comunitarios desde a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.

Deberes

  1. Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.
  2. Facilitar a información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para o acceso e utilización dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia os cambios de circunstancias familiares, sociais ou financeiras que puideren resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.
  3. Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e pondo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.
  4. Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
  5. Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios, participando activamente no proceso pautado de mellora, autonomía persoal e inserción social.
  6. Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.
  7. Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
  8. Participar no pagamento dos servizos naqueles supostos concretos que se establezan neste decreto e nas normas municipais reguladoras correspondentes que o desenvolvan.
  9. A comunicar con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puidese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.

 

HORARIO DE ATENCIÓN AO PÚBLICO: 9-14 HORAS.

 

PRESTACIÓNS E PRAZOS DE PRESENTACIÓN 2012:

 

1.- Prestacións recollidas na Lei 39/2006 de 14 decembro, de promoción da autonomia persoal e atención a persoas en situación de dependencia

                   Prazo de presentación : Todo o ano.

 

2.- Balnearios:

Xunta : Solicitudes ata o 11 de maio de 2012

Imserso:Solicitudes ata o 16 de xaneiro, 2012, as quendas de febreiro a agosto, ambos incluídos.

         Ata o 16 maio  as quendas de setembro a decembro, ambos incluídos.

 

3.- Axuda no fogar:

                   Prazo de presentación : Todo o ano.

 

4.- Plan de axuda alimentaria:

                   Prazo de presentación : Todo o ano.

 

5.- RISGA ( Renta de Integración social de Galicia).

     EMERXENCIA SOCIAL.

 

 Prazo de presentación : Todo o ano.

 

6.- PENSIONS NON CONTRUBITVAS DE XUBILACIÓN E INVALIDADEZ.

 

 Prazo de presentación : Todo o ano.

 

 

7.- TELEASISTENCIA DOMICILIARIA.

 

 Prazo de presentación : Todo o ano.

 

8.- PROGRAMA XANTAR NA CASA

 

 Prazo de presentación : Todo o ano.

 

9.-PRESTACIÓN POR FILLO MENOR A CARGO.

 

 Prazo de presentación : segundo convocatoria en DOGA.

2021 © Concello Xunqueira de Ambía

Praza San Rosendo nº 1, Xunqueira de Ambía. Tel 988436069. Fax 988436040

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos